O Concello de As Pontes abre un novo portal co fin de recoller novas suxerencias e opinións dirixidas á redacción do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal pontés

11/07/2013 Blog RTV Eume

O Plan Xeral de Ordenación Municipal de As Pontes continúa co seu proceso de elaboración e onte tiña lugar un novo paso na súa creación: a posta de longo oficial da páxina www.ideaaspontes.com, un portal no que se recollerán as opinións dos veciños a título persoal sobre este documento para dar lugar a un plan que conte co consenso dos ponteses e pontesas, as súas valoracións e que responda ás súas necesidades. O edil de Urbanismo e Xestión Orzamentaria, Antonio Alonso, foi o encargado de presidir esta presentación que tivo lugar nas dependencias da Casa Dopeso e ata onde se achegaron unha trintena de veciños e veciñas.

Alí, Alonso defendeu a necesidade de facer deste PXOM un proceso público, participativo, aberto a todos aqueles veciños e veciñas con algo que opinar e con ideas de como debería ser o as pontes do futuro. E é que, ata o día de hoxe, As Pontes segue a rexerse por unhas normas subsidiarias de 1985, antigas e que non dan solución ás necesidades actuais de desenvolvemento urbanístico nin do municipio nin dos seus habitantes. Unha vez máis, o edil facía un novo chamamento á participación de toda a veciñanza, co fin de que exprese as súas necesidades e desexos urbanísticos, tal e como xa se fixo coas diferentes reunións celebradas co tecido asociativo local ou mediante as enquisas dirixidas á cidadanía que se desenvolvían nestes meses atrás. Asemade, esta participación irá máis aló a traverso desta www.ideaaspontes.com, xa que, segundo apuntou o edil, está previsto que neste portal non só se poidan atopar os diferentes avances e novidades que se vaian producindo con respecto ao PXOM, senón tamén obradoiros, novas enquisas e multitude de apartados dirixidos á participación veciñal.

Ademáis de Antonio Alonso, tamén varios dos técnicos da empresa catalana Jornet Llop Pastor, responsables da redacción deste novo plan urbanístico pontés, tomaron parte neste acto de presentación, técnicos que tamén defenderon a necesidade de contar cunha visión veciñal máis precisa con respecto a temas urbanísticos máis específicos, visión que tan só pode ser expresada polos propios ponteses e pontesas. De ahí a necesidade da implicación da cidadanía.

Ideaaspontes.com, que xa está operativa, é unha páxina coa que se busca a comunicación multidireccional entre veciños e equipo redactor do PXOM, unha ferramenta na que tamén haberá concursos, citas formativas e multitude de espazos con información puntual sobre este documento urbanístico e que, asemade, incluirá enlaces coas principais redes sociais cun único obxectivo: que todo aquel que teña algo que opinar sobre o urbanismo local poida expresarse e ter sido en conta, dun xeito directo. En relación precisamente á participación da veciñanza, o edil Antonio Alonso pechaba o acto solicitando novamente a maior colaboura posible dos veciños e veciñas cun documento que definía coma esencial para o desenvolvemento local e no que todos os ponteses e pontesas, segundo finalizaba o edil, teñen moito que dicir.